13/12/17

IZAN O DA SACA

Hoxe na biblioteca fixemos entrega aos membros do Club de lectura de 4º ESO e 1º Bacharelato do libro da primeira Tertulia literaria que se desenvolverá a finais de xaneiro. Trátase da exitosa novela de Xabier Quiroga titulada Izan o da saca. Á volta das vacacións de Nadal ben seguro que teremos moitas cuestións que comentar…



Para ir abrindo boca, este vídeo que nos leva polos espectaculares escenarios da novela.

Boa lectura!!!

2/12/17

O día 27,  os compoñentes do Club de Lectura de 2º de ESO intercambiaron as súas impresións logo da lectura de Denébola, a Roxa..

DENÉBOLA, A ROXA

O Club de lectura de 2º de ESO, baixo a dirección de Miriam González, coa obra escollida para este primeiro trimestre: Denébola a Roxa, de Héctor Cajaraville.



24/11/17

 Prezi cos temas abordados nas reunións do Club de Lectura:



17/11/17

CARNÉS DO CLUB DE LECTURA

Continuamos as sesións do club de lectura de 1º de ESO. No día de hoxe, repartimos os carnés do club

A continuación, partillamos as impresións de lectura que suscita a lectura de A mansión dos Pampín, con interesantes achegas acerca do desprezo polo patrimonio natural, a corrupción urbanística, a especulación, os roles de xénero no ámbito familiar, etc.

A próxima semana propoñémonos realizar unha dramatización do capítulo I. 

13/11/17

A MANSIÓN DOS PAMPÍN

O venres celebramos a segunda sesión do club de lectura de 1º de ESO. Xa rematada a lectura de A mansión dos Pampín, comezamos a intercambiar puntos de vista acerca dos personaxes e os temas principais que o libro nos achega. Hector e Alba ocupáronse de tomar notas das distintas intervencións. Tanto nos entusiasmamos que nin sequera escoitamos o timbre que anunciaba o remate do recreo. 
Quedan aínda moitas comentarios por partillar, moitas actividades que desenvolveremos en próximas sesións.



28/10/17

PRESENTACIÓN CLUB DE LECTURA 1º DE ESO

Hoxe celebramos na biblioteca a primeira sesión do club de lectura de 1º de ESO, baixo a coordinación de Celia Díaz. Éxito de convocatoria á vista dos numerosos integrantes deste club. Despois dunha breve presentación do autor e da obra, repartimos exemplares do libro que nos acompañará ao longo do trimestre: A mansión dos Pampín. Unha obra de banda de deseñada que nos ha de ofrecer momentos de diversión, tamén de análise e debate dos diversos temas de interese que suscita.
Convocamos a próxima reunion para o próximo venres, para comezar a intercambiar as experiencias que a lectura suscitou en todos nós.



27/6/17

PRESAS FÁCILES: A DESPEDIDA DO "CLUB DOS POETAS VIVOS"

Con esta novela gráfica de Miguelanxo Prado, despedimos o noso club de lectura deste curso. Fixemos un percorrido que empezou cun cómic de David Rubín e que remata tamén cun cómic. Foi emocionante ver a Miguelanxo Prado en Santiago recollendo o Premio dos Clubs de Lectura 2017 e é igualmente emocionante sumerxirse nestas páxinas que retratran, en blanco e negro, a traxedia recente do noso país coas preferentes.  


26/6/17

X XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA



O 17 de xuño participamos na X Xornada dos Clubs de lectura, celebrada no Palacio de congresos e exposicións de Santiago de Compostela, cun amplo programa de obradoiros e conferencias destinados tanto ao alumnado como ao profesorado participante. Foi unha intensa xornada na que nos somerxemos totalmente na LECTURA.








CÓMICS



O Club de lectura de 1º BAC rematou o curso cunha posta en común de diversos cómics que suscitaron moito interese. Tras ler e analizar previamente o libro seleccionado, cada lector/a realizou a presentación da obra e, tras dar un breve resumo do seu contido, compartiu a súa impresión co resto dos compañeiros indicando tamén a idade dos potenciais lectores. Estas recomendacións foron tomadas como interesantes suxestións para futuras lecturas. 



LECTURAS PARA O VERÁN



O curso chega ao seu remate e no Club de lectura de 1º ESO preparamos as mochilas con libros para o verán. Este ano a proposta é Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costa. Á volta das vacación poremos en comúns todas as ideas que xurdan ao redor da súa lectura.