Miña querida Sherezade (II)

Hoxe continuamos as conversas acerca da novela que estamos lendo nesta etapa final do Club de lectura: Miña querida Sherezade. Resulta gratificante compartir experiencias lectoras cos rapaces e rapazas de 1º de ESO, descubrir as súas valiosas aportacións,  a identificación de temas e contidos de interese, en definitiva, a constatación do seu criterio persoal como lectores críticos.
Nesta sesión destacamos os aspectos que máis nos gustaron desta novela: Un libro viaxeiro, cunha ampla traxectoria vital. A importancia dos libros e da lectura. A humanización dos libros:  felices (os que son lidos e pasan e man en man) e tristes (os que permanecen amoreados ou como mera exhibición). As historias e peripecias dos personaxes en relación coas do propio libro. A identificación dos personaxes de ficción cos personaxes literarios d'As mil e unha noites... E sobre todo, o máis especial, a historia contada polo propio libro, desde a súa perspectiva, cos seus soños e arelas, coma se dun ser humano se tratase.
Candela contounos a emotiva historia da súa bisavoa: sempre buscando, de libraría en libraría, un exemplar da edición de Saturnino Calleja d'As mil e unha noites que un día tivera entre as mans. Mais nunca a conseguiu.






Comentarios

Entradas populares