REUNIÓN CENTAUROS DO NORTE
O día 12 celebramos a reunión final sobre a novela Centauros do norte, de Marcos Calveiro, o libro escollido para os alumnos do club de 1º ciclo.
Resultou unha animada conversa na que analizamos diversos aspectos sobre a novela: os personaxes, a relación Rafael-Reina, o personaxe histórico de Pancho Villa, o título, as resonancias cinematográficas verbo das películas do western, a presenza de personaxes reais na historia de ficción, o documental como peche da novela…
Ana Durán ofreceunos algúns interesantes comentarios e aclaracións grazas ao seu coñecemento directo de México. Coa axuda do mural realizado polas alumnas de diversificación detallounos algúns aspectos da xeografía mexicana, o marco espacial de Sonora e Chihuahua polo que cabalga o exército de Pancho Villa, o significado do termo “gringo” ou a denominación “gachupín” procedente da época da conquista de Hernán Cortes pola cal identificaban os españois como homes-cabalo, ou sexa os centauros daquel tempo.
Comprobamos, unha vez máis, a capacidade lectora destes alumnos que, malia os seus poucos anos, son quen de realizar acertadas interpretacións.
Agardamos que o ano pasado continuemos compartindo lecturas e conversas!
| ||
|
Comentarios
Publicar un comentario